O BNG esixirá no Parlamento a construción das instalacións previstas fai xa dous anos para o ciclo de Agroxardinería e Composicións Florais do IES de Valga

20240320

Dous anos despois do inicio do ciclo, nin a aula polivalente, nin o almacén, nin a superficie de xardín, invernadoiro e viveiro foron executados, sendo o único ciclo destas características en Galiza que non conta con espazos propios para a realización práctica dos módulos formativos

O BNG esixirá no Parlamento a construción das instalacións previstas fai xa dous anos para o ciclo de Agroxardinería e Composicións Florais do IES de Valga

No pleno ordinario celebrado o 4 de xullo de 2022, a Corporación Municipal de Valga aprobaba por unanimidade a cesión á Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galiza dunha parcela de 3.000 metros cadrados de superficie anexa ao recinto do instituto, nos terreos do vello campo de fútbol de Baño. Aquí tiña previsto habilitarse espazos e infraestruturas axeitadas para a realización dos módulos teóricos e prácticos do ciclo de Formación Profesional básica de Agroxardinería e Composicións Florais, entre os que se contemplaban unha aula polivalente de 60 metros cadrados, un almacén de 60 metros cadrados, e unha superficie de xardín, invernadoiro e viveiro de 1.300 metros cadrados.

O ciclo de Agroxardinería e Composicións Florais comezou a impartirse no IES de Valga o curso 2022-2023. Este ciclo está centrado en “elaborar composicións con flores e plantas e realizar operacións auxiliares en cultivos, en produción de planta en invernadoiros ou en centros de xardinaría, colaborando na preparación do terreo e na implantación e o mantemento de xardíns, parques e zonas verdes, operando coa calidade indicada, cumprindo as normas de prevención de riscos laborais e protección ambiental correspondentes”.

Os alumnos que comezaron o ciclo, agora mesmo xa no segundo ano de formación, non dispoñen na actualidade de ningunha das infraestruturas previstas, polo que non contan con espazos propios para a realización práctica dos módulos formativos. É inxustificable que case dous anos despois do inicio do ciclo non dispoñan destes espazos, e nin a Consellería de Educación, nin o Concello de Valga, poñen remedio algún para solucionar esta carencia. A día de hoxe, a parcela prevista para ser acondicionada non cumpre coas mínimas condicións para o seu uso: non está delimitada, non conta cun acceso directo desde o IES, non dispón de conexións coa rede de abastecemento de auga, nin coa rede eléctrica, polo que labores básicas como é a de regar non é posible realizala.

Xunto con Valga, o ciclo de Agroxardinería e Composicións Florais impártense en outros oito centros educativos de Galiza: Arteixo, Arzúa, Mugardos, Mondoñedo, Cambados, Ponteareas, Pontevedra e Tomiño. Sen embargo, estes si contan con todas as instalacións necesarias para a formación: invernadoiros, zonas de reprodución de planta, almacéns, aulas de prácticas ou campos de ensaio.

Ante todo isto, o BNG levará ao Parlamento Galego a precaria situación do ciclo de Formación Profesional básica de Agroxardinería e Composicións Florais, esixindo o acondicionamento definitivo da parcela do campo vello de Baño para a correcta aprendizaxe do alumnado, unha parcela que, dous anos despois de comezar o ciclo, non conta coas instalacións previstas por parte da Consellería de Educación e o Concello de Valga.

O BNG esixirá no Parlamento a construción das instalacións previstas fai xa dous anos para o ciclo de Agroxardinería e Composicións Florais do IES de Valga